Thursday 16 de May de 2024

A Xunta inviste preto de 632.000 euros nas obras de mellora do Camiño Real, no concello de Oza-Cesuras, que estarán rematadas en outubro


O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou esta semana o lugar das obras para ver o avance

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, visitou as obras de mellora do Camiño Real, no Concello de Oza- Cesuras, cun investimento de preto de 632.000 euros e un remate previsto para o vindeiro mes de outubro.

Estas obras teñen como fin mellorar a plataforma de ancho reducido (4-5 metros) que imposibilitaba o cruzamento dos vehículos e a circulación peonil de forma segura.

A actuación, posible grazas o convenio de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Oza- Cesuras, ten por obxectivo a mellora deste camiño mediante a ampliación de dita plataforma a 8,5 metros de ancho. Desta forma, a nova plataforma permitirá a sinalización de dous carrís de circulación e a creación dunha senda peonil coloreada de 1,5 metros de anchos por unha das marxes do camiño, separada mediante balizas de zona de circulación.

Ademais, rehabilitarase o pavimento existente na calzada mediante a extensión dunha capa de mesturas bituminosas en quente que mellorarán a comodidade da circulación e a mobilidade de tódolos usuarios da vía.

Como quedou recollido na sinatura do convenio, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asumiu o compromiso de subvencionar estas obras con anualidades dende 2014 ata 2016. Pola súa banda, o Concello de Oza-Cesuras levou a cabo a elaboración do documento técnico necesario para a definición das obras.

O Goberno galego, mediante a execución deste tipo de proxectos, pretende manter en bo estado a rede viaria autonómica, proporcionándolle aos cidadáns unha estradas cómodas e seguras.